Licitacións públicas
Os datos de licitacións proceden da Plataforma de Contratación del Sector Público, o repositorio oficial de datos abertos do Ministerio de Facenda.
Algúns concellos soamente publican a través da plataforma galega: os datos proceden de Contratos Públicos de Galicia e polo tanto a información obténse mediante a API pública de consulta de organismos.
Contratos menores
Os contratos menores proceden do conxunto de datos Contratos menores publicados nos perfís do contratante da Plataforma de Contratación del Sector Público (Ministerio de Facenda). Actualízase diariamente e cobre dende 2018.
Búscase para todos os concellos de GHASTO, independentemente de onde publiquen as súas licitacións. Os concellos que publican exclusivamente en Contratos Públicos de Galicia poden non ter menores neste feed estatal se non publican na plataforma.
Poboación municipal
As cifras de poboación obtéñense da API do INE — Cifras oficiais de poboación (Revisión do Padrón Municipal). Os datos actualízanse baixo demanda dende a ferramenta de importación.
Goberno municipal
Os datos do partido no goberno de cada concello (alcalde e período de mandato) proceden do Sistema de Información Local (SIL) do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, a partir dos ficheiros de alcaldes e concelleiros por mandato.
Recompílanse só para os concellos incluídos en GHASTO e actualízanse baixo demanda dende a ferramenta de importación, con caché local dos ficheiros.
Proceso automatizado
Toda a información é extraída, procesada e almacenada mediante un proceso automatizado que descarga os ficheiros oficiais, analiza o seu contido e actualiza a base de datos. Non hai intervención manual na selección ou modificación dos datos de licitacións.
Control de calidade: autocorrección de datos erróneos
As fontes oficiais conteñen de cando en vez datos evidentemente erróneos ou rexistros repetidos. Para que non distorsionen as estatísticas, GHASTO aplica un algoritmo automatizado de control de calidade que os detecta e os marca.
Importes de adxudicación erróneos
Importe irrisorio moi por debaixo do presuposto
Un resultado adxudicado ou formalizado cun importe positivo inferior a 30 €, nun contrato cun presuposto superior a 1.000 € e cun importe menor do 3 % do presuposto. Os importes de 0 € non se consideran erros: son datos non publicados pola fonte e móstranse como "— €".
Importe con IVA imposible con IVA ≥ 10× o sen IVA
O importe de adxudicación con IVA supera dez veces o importe sen IVA. Nun contrato real un IVA nunca supera o 21 %, así que unha diferenza tan grande é sempre un dato roto na fonte (por exemplo, un contrato publicado con 1.520 € sen IVA e 15.201.520 € con IVA).
Adxudicación moi superior ao presuposto adxudicado ≥ 10× o presuposto
O importe adxudicado supera dez veces o presuposto do contrato. O limiar é conservador para non sinalar concesións ou taxas con presuposto nominal, e detecta erros de desprazamento decimal na fonte (por exemplo, un contrato presupostado en 17.908 € publicado como adxudicado por 1.790.558 €).
Estes contratos séguense contando como licitacións rexistradas (aparecen na táboa co icono de aviso e en vermello), pero non se teñen en conta no cálculo das estatísticas: presupostos, medias, aforro, distribucións por tipo, procedemento, estado ou ofertas, e clasificacións de adxudicatarios.
Rexistros duplicados
Posible contrato republicado mesmo expediente ou sufixo
A mesma licitación ou contrato menor re-publicado pola fonte cun identificador novo: mesmo número de expediente, ou co sufixo Bis, II, -2, .2 ou Reapertura. Márcase a versión máis antiga, que queda como republicada.
Posible contrato duplicado expediente distinto
O mesmo contrato publicado con número de expediente distinto, cando o obxecto e o importe son equivalentes e as publicacións están próximas no tempo. Os acordos marco con varios adxudicatarios por lote e as renovacións anuais non se marcan.
Estes contratos non contan en ningunha estatística (nin no total de contratos, nin nos presupostos, nin nas burbullas do mapa), pero seguen visibles na táboa co icono de aviso e o motivo en ámbar, para que poidas reportar se a detección automática fallase nalgún caso.
Este control é automático e conservador: só intervén nos casos máis evidentes, non modifica os datos orixinais e non sobrescribe correccións manuais. Se detectas calquera outra inconsistencia, podes comunicala na sección de contacto.